Sunday 05 de May de 2024

A rúa Palomar estreará un novo sistema de iluminación intelixente


A novidade regulará dun xeito dinámico os pasos peonís xa que ao detectar as persoas viandantes que queren cruzar activarase a iluminación de acento sobre a calzada

A rúa Palomar estreará nas próximas semanas un novo sistema de iluminación intelixente. O Concello da Coruña iniciou as obras para repoñer a instalación de puntos de luz nesta zona, co obxecto de mellorar o seu nivel de iluminación tanto na estrada como nas beirarrúas, e reducir e converter en máis eficiente o consumo enerxético. Desde a Concellería de Infraestruturas, explican que, con esta actuación, tamén se logrará minimizar a contaminación lumínica e a luz intrusa causada pola iluminación pública.
A instalación conta cun novidoso sistema de regulación dinámica nos pasos peonís que, ao detectar a/o peoa/peón que quere cruzar, activa o balizamento vertical incluído na columna para chamar a atención da/do condutora/o e acende a iluminación sobre o paso peonil que, até ese momento permanece apagada ou con moi baixo nivel lumínico. Deste xeito, ao cruzaren, as/os peóns son perfectamente visibles para a/o condutora/o e poden atravesar a rúa cruzando en condicións de visibilidade e seguridade.
Este sistema está deseñado para incrementar a seguridade viaria baixo os criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Ademais, proporcionará capacidade de monitoraxe e poderase configurar desde un dispositivo móbil, o que permitirá incrementar ou reducir a intensidade en función do momento do día para extremar a eficiencia e o aforro enerxético. Así polas noites, en períodos de menor actividade, o
fluxo lúmínico descenderá en ausencia das/dos peóns e volverá a funcionar ao 100% na súa presenza.
Ademais dos reforzos lumínicos nos dous pasos peonís (parte central da rúa e na confluencia coa glorieta América) retirarase a iluminación existente na fachada e substituirase por unha iluminación bilateral con columnas de 7 metros de altura en ambas as beirarrúas con luces LED de última xeración. Deste xeito, explica o persoal técnico, conséguese “humanizar a iluminación” ao ampliar os puntos de luz e reducir a potencia.
O edil de Urbanismo, Juan Día Villoslada, explicou que con esta actuación, o concello inicia un plan de renovación e modernización para acadar unha iluminación sustentable e intelixente. O Goberno local segue así as premisas que abogan pola eficiencia enerxética e mantén o seu compromiso coa iluminación sustentable tras a súa adhesión ao manifesto Slowlight, que aposta por un modelo de planificación,
xestión e explotación municipal responsable da rede de iluminación.
O obxectivo é impulsar unha maior implicación de todos os axentes e sectores, públicos e privados, do termo municipal e a súa contorna, en favor dunha política sostible propiciando unha nova cultura de iluminación pública pensada para a cidadanía. Trátase de dar un paso máis no cumprimento dos obxectivos da axenda urbana 2030 a través dunha transición enerxética de cara a unha descarbonización
da economía e a un uso responsable dos recursos.